Texto da miña intervención nas Xornadas “Lendo en Familia”, organizada por Espazo Lectura (2009)
-
Os por qués do fomento da lectura
Co fin de convencer aos adultos e aos nenos e nenas da importancia da lectura téñense empregado moitos argumentos e feito afirmacións non sempre contrastadas. Fálase do pracer de ler, de que a lectura é divertida, de que a lectura nos fai mellores, de que a lectura nos abre mundos descoñecidos, que podemos vivir outras vidas ademais da nosa… Estes argumentos poden ser fácilmente rebatidos. Hai cousas ben máis divertidas que a lectura para moitos de nós… e se é tan divertida e causa tanto pracer, como é que máis do 50% da poboación adulta deste país non le habitualmente, ou simplemente non le??? Acaso é que son masoquistas??? O de que a lectura nos fai mellores sempre me leva a lembrar personaxes históricos ou da actualidade, que se teñen por grandes lectores pero que non son precisamente modelos a imitar. Pero hai un argumento, unha razón para desexar que as persoas lean, que os rapaces e rapazas adquiran hábitos de lectura. E o di o profesor José Antonio Marina: “A lectura frecuente é o mellor medio que temos para apoderarnos da linguaxe e das súas creacións. É o gran instrumento, o instrumento obvio. A riqueza léxica, a argumentación, a explicación, a expresión dos propios sentimentos, adquírense a través da lectura… ¿Por qué necesitamos apoderarnos da linguaxe? Hai tres razón decisivas:
- Porque a nosa intelixencia é lingüística (a linguaxe é un medio para comunicarnos cos outros pero tamén con nós mesmos; pensamos con palabras e pensámonos con palabras; a reflexión, a memoria, a comunicación, dependen das palabras).
- Porque o fondo da nosa cultura é lingüístico (o progreso humano constrúese mediante as palabras que permiten o deseño de grandes proxectos; o dereito, a xustiza, a igualdade, a dignidade, a razón… transmítense a través das palabras
- Porque a nosa convivencia é lingüística (as nosas relación sociais, familiares, relixiosas, políticas, afectivas, vanse tecendo con palabras; os expertos alertan da necesidade de comunicarse, de saber escoitar e de facerse entender para mellorar as relación persoais e de grupo, que os problemas case sempre radican na falta de comunicación ou na súa deficiencia).
Así pois, a lectura non é un divertimento, é o medio máis eficaz de apoderarse da linguaxe, que é imprescindible para o desenvolvemento da intelixencia, a vivencia plena das relación persoais e sociais e a posibilidade dunha convivencia digna. A linguaxe sirve para vivir.
Sabemos que a competencia lectora, é dicir, saber ler textos diferentes e entendelos, axuda a obter mellores resultados académicos. Unha boa comprensión lectora é imprescindible para poder avanzar nos estudos; o dominio da linguaxe oral e escrita é indispensable para interiorizar a información, os datos, e construír o propio coñecemento, e expresalo tamén de forma eficaz.
E imos ser moi realistas: Artigo do luns 12 de outubro, El País, Joaquín Estefanía: Segundo a EPA (Enquisa de poboación activa), a tasa do paro entre os menos formadas duplica á dos universitarios: canto máis elevado é o nivel educativo, menor é a perda de emprego. Quenes só lograron cursar primaria teñen unha tasa de para do 25,4%; quenes estudaron a primeira fase de secundaria teñen un desemprego do 23,6%, os que finalizaron a secundaria teñen un 17,3% de paro. Os universitarios son os que menos sofren o desemprego, un 9,5%. No sector dos que teñen estudos de doutoramento, o paro é aínda menor. Sabemos que as habilidades de lectura e de escritura están detrás do fracaso escolar de moitos abandonos tempranos dos estudos, aínda que haxa outras causas.
A lectura é necesaria para ter mellor calidade de vida, mellor acceso á información, mellores e máis recursos á hora de enfrontar a vida diaria nunha sociedade na que impera a cultura escrita, sexa cal sexa o soporte no que o texto se presente; mellores resultados académicos, máis palabras coas que explicar o mundo e explicarnos nel. Queremos darlles aos máis pequenos O PODER DA PERSOA QUE LE.
“Cecais se poida dicir que algúns escriben palabras que non cambian as cousas, e outros escriben palabras que lle permiten á xente ter instrumentos para mudar as cousas. O poder enorme que ten o lector que elixe ler un libro… Cecais el non se dea conta. Eu si. Os lectores, e non o libro, son a clave da miña historia. Se ninguén o tivese lido, á Camorra teríalle importado moito menos. “Roberto Saviano. El País Semanal. 08/02/09
- De qué falamos cando falamos de lectura
Hoxe en día falar de lectura é falar de todo tipo de textos, de todo tipo de libros (ficción: novelas, poesía, teatro, contos, cómic; e non ficción: xornal, revistas divulgativas, monografías sobre temas diversos (ciencia, matemáticas, natureza, viaxes, medioambiente, ensaio, filosofía, historia…). Prospectos de medicamentos, manuais dos aparatos electrónicos, dos xoguetes, enquisas, impresos oficiais, cartas comerciais, instrucións, folletos informativos sobre a gripe común ou sobre a hixiene bucodental…. Pero tamén fotografías, imaxes, carteis, gráficos, mapas, esquemas, sinalización de tráfico, sinais nos aeroportos e nos medios de transporte en xeral. Estes textos diversos poden estar á súa vez en soportes diferentes: impresos en papel ou tamén en soporte electrónico: documentais e películas en DVD, discos CD de audio, MP3, MP4, programas educativos ou xogos informáticos en CD ou a través da Rede, páxinas web, blogs, vídeos en youtube… Ademáis, a lectura pode estar guiada por diversas finalidade… lemos por diversos motivos e para conseguir cousas diferentes: pasalo ben, aprender, buscar un dato, montar un moble de ikea, preparar unha viaxe, buscar o prezo máis barato dun determinado produto, buscar información para preparar un traballo do instituto, evitar os produtos que conteñen gluten ou os que teñen menos conservantes, encher convenientemente a solicitude de axudas para libros de texto ou para a compra do coche novo…. En definitiva, falamos de lectura de todo tipo de textos, en todo tipo de soporte e con todo tipo de finalidades. Basicamente: lectura literaria e lectura informativa; lectura de palabras e lectura de imaxes. En papel e en pantalla.
- Que é iso da competencia lectora
O obxectivo da promoción da lectura non é formar lectores literarios, senón formar lectores competentes, é dicir, persoas que son quen de construír o significado dun texto, calquera que sexa o seu contido e o soporte no que se presente. Persoas que poden comprender o que len. A construcción de lectores competentes é un proceso longo, complexo, no que interveñen moitos factores pero que van máis aló da aprendizaxe do código, da identificación das letras ou dos signos. Nese traballo que fai o lector para apoderarse do significado do texto que ten diante intervén o coñecemento dese código de signos, pero sobre todo os seus coñecementos previos, a intención de ler, a vontade de comprender, a finalidade da lectura. A motivación para ler e para desentrañar o que o texto agocha.
Os lectores competentes manifestan unha serie de habilidades que se van acadando pouco a pouco: son quen de anticipar o contido do texto polos sinais que nos vai dando ( os títulos, as palabras destacadas, as imaxes que acompañan…); incorporan os coñecementos que xa teñen sobre o tema do que trate o texto; realizan comparacións con outros textos xa lidos; poden deducir o significado das palabras descoñecidas polo contexto (realizan inferencias); identifican as ideas principais ou o tema do que trata; saben resumir o lido; van controlando a propia comprensión do texto (de tal modo que se non entenden utilizan recursos para intentar mellorar esa comprensión); fanse preguntas sobre o que len…. Realizan pois, unha lectura autónoma, reflexiva e crítica.
A cuestión é que a lectura literaria é parte integrante da adquisición da competencia lectora, ben como un instrumento que facilita as primeiras aprendizaxes (a interpretación dos códigos, a identificación das linguaxes narrativas, poéticas, dramáticas, expositivas, icónicas…), ben como medio para o desenvolvemento de hábitos de lectura e a adquisición de habilidades para a comprensión lectora.
As persoas mediadoras deberíamos ter moi en conta esto: que as lecturas literarias (os contos, as primeiras novelas, a poesía, a tradición oral, o teatro…) son instrumentos para acadar esa competencia lectora . Algúns lectores seguirán buscando textos literarios para a súa autoformación, para o seu pracer, para alimentarse; outros elixirán outros textos máis acaidos aos seus gustos e intereses… pero todos poderán interiorizar unha serie de claves culturais mínimas para poder moverse con fluidez no seu entorno e irán adquirindo recursos para enfrontarse aos diferentes textos que a vida lles vaia poñendo por diante.
- Cuestións sobre a creación e consolidación do hábito de lectura
O que precisamos é poñer aos nenos e ás nenas en contacto permanente coa lectura literaria, e tamén coa lectura informativa, co fin de que desenvolvan competencias lectoras e adquiran o gusto de ler.
Todos os estudios confirman que, en procentaxes moi significativos, aqueles nenos e aquelas nenas que medran con adultos que teñen a lectura entre as súas prácticas máis frecuentes (que son modelos de lectura), que incorporan a lectura á vida cotiá e que procuran espertar o interese dos máis pequenos por ese tipo de prácticas, desenvolven maior interese pola experiencia lectora e acadan maiores habilidades para a cultura escrita, ou sexan, que teñen mellor comprensión lectora, máis vocabulario, mellor expresión oral e escrita. Sábese que a adquisición dos hábitos de lectura e as habilidades de comprensión lectora dependen do grao de implicación do entorno dos nenos coa cultura escrita e a súa transmisión en accións contextualizadas e de carácter funcional.
Para empezar, un mediador de lectura ten que ser unha persoa lectora, ten que ter gusto polas historias, os saberes, o coñecemento, ten que ter curiosidade e ten que alimentala día a día. E ten que saber establecer un clima de complicidade cos pequenos lectores, para compartir esa curiosidade, ese gusto pola linguaxe, ese gusto polas historias.
Un contador de historias pode crear ese ambiente cálido e cómplice nun momento, pero son as persoas significativas para a nena,para o neno, as que están de forma continuada compartindo a experiencia lectora, as que poden garantir continuidade. Porque a formación dun lector esixe perseverancia, sistematización, entusiasmo e coñecemento. E eses adultos son, en principios, os componentes da familia máis próxima e o profesorado.
Algúns teóricos comezan a chamarlle “experiencias de alfabetización emerxente” a esas prácticas comúns nas familias máis sensibilizadas coa lectura, que favorecen a adquisición de hábitos e unha máis pronta aprendizaxe dos rudimentos básicos de lectura e escritura:
- Introducir aos nenos e ás nenas, desde que nacen, en ambientes familiares e sociais que valoran a linguaxe, a lectura e a escritura.
- Poñer aos nenos e ás nenas en contacto permanente coa literatura infantil de calidade e polos textos e polas ilustracións.
- Implicarse activamente na formación dos pequenos como lectores, lendo, falando e contando, recitando, preguntando, escoitando, inventando… xogando coa linguaxe e coas historias.
- Posibilitar a participación dos pequenos lectores en actividades relacionadas coa lectura, nas bibliotecas públicas ou escolares, con carácter regular. Nestas actividades pódense introducir elementos que xa son propios da lectura: a anticipación do que vai vir, a deducción (por interiorización do esquema narrativo), a inferencia, a intertextualidade (relación entre personaxes ou acontecementos de textos diferentes…)
(Exemplo dos resultados: eses nenos pequenos que aínda non saben ler pero xa “len” os seus libros, pasan as follas, falan en alto contando a súa propia historia…)
A lectura é unha aprendizaxe social e afectiva. A formación do hábito lector radica na lectura compartida: compartir significados, compartir o entusiasmo, as ganas, a necesidade de coñecer, a curiosidade; compartir as relación entre os distintos libros, entres os temas que tratan e os personaxes que os protagonizan. Acompañar á lectura. Acompañalos. E cando a práctica da lectura é difícil (porque o tempo é pouco, porque hai dificultades de aprendizaxe, de comprensión…): establecer tempos e espazos, rutinas para facer presente o libro. Ensinar trucos para mellorar a comprensión (revisar, volver atrás, preguntarse, preguntar, mirar as imaxes, buscar no diccionario, na enciclopedia, pensar….), ler antes para poder recomendar, para poder orientar… orientarse, formarse, preguntar. Falar dos libros.
- Características das actividades que espertan o gusto pola lectura
As actividades que se programen para fomentar a lectura no contexto escolar deberán reunir unha serie de condicións para resultar eficaces. Estas son:
- Realízanse de forma sistemática
- Contemplan a lectura con diversas finalidades
- Aproveitan tempos e espazos de aulas, biblioteca escolar e outros lugares do centro
- Ensinan estratexias para a comprensión lectora de textos cada vez máis complexos
- Realízanse en climas afectivos
- Desde o entusiasmo e o coñecemento
Pois o mesmo ocorre coas actividades realizadas no medio familiar: actividades continuadas, un pouquiño cada día, indo do máis sinxelo ao máis complexo, gañando en dificultade e en amplitude de obxectivos; actividades que contemplen a lectura con distintos obxectivos: ler para pasalo ben, ler para coñecer, ler para buscar información….; axudar a comprender, a facerse conscientes dos trucos que é necesario poñer en xogo para entender mellor o que se le; creación de climas afectivos, desde a complicidade, desde o amor. E sobre todo desde as ganas, desde o interese porque os nosos fillos teñan a oportunidade de vivir experiencias de lectura gratas e aprendan máis (máis palabras, mellor expresión, máis coñecementos distintos, maior amplitude de miras), e coñecemento do que lles ofrecemos, orientándose para escoller libros e materiais de calidade… que non todo vale. Resistirse ao fácil “que lean o que sexa con tal de que lean”. Non é certo, un mal libro non leva a unha boa lectura. Non podemos perder tempo e temos que aprenderlles a seleccionar, e iso faise ofrecendo bos libros.
- As bibliotecas. As bibliotecas escolares, un factor da calidade do ensino.
“A biblioteca é un lugar que ensina a ser tolerante e respectouso cos demais.”
“As bibliotecas son un espazo público que favorece a convivencia.” José A. Gómez. Profesor da Facultade de biclioteconomía da Universidade de Murcia.
“As comunidades que desexan preservar a súa identidade, traballar a favor da cohesión e da inclusión social dos seus cidadáns, precisan de servizos públicos como as bibliotecas onde as palabras se transforman en compromisos para satisfacer necesidades culturais, formativas e informativas das persoas, independentemente da súa ideoloxía ou condición social. As comunidades que desexan ser fortes, compactas e solidarias necesitan de terceiros espazos como as bibliotecas públicos, uns espazos neutrais ao servizo de toda a comunidade”. Roser Lozano. Directora da biblioteca pública de Tarragona.
Agora ben, as bibliotecas escolares son bibliotecas específicas. Non son bibliotecas públicas pequenas metidas nun centro escolar, os profesores que as defendemos e as poñemos en marcha “non estamos xogandos ás bibliotecas”. Compartimos obxectivos e inquiedanzas, pero temos outros que nos son propios.
A vontade de que nos centros escolares exista unha biblioteca escolar xorde da necesidade de ofrecer ao alumnado fontes informativas diversas, actualizadas, suficientes, atractivas e axeitadas á súa idade e intereses. Porque a utilización dos libros de texto como única fonte de información supón unha limitación enorme e imposibilita a adquisición de competencias tan importantes como saber identificar a fonte informativa necesaria para obter o dato que se precisa, ou a capacidade de comparar e avaliar que fonte informativa ten maior credibilidade ou é máis completa, ou é menos tendenciosa. Pero tamén vén da man do profesorado que quere inocular nos nenos e nas nenas o virus da lectura, que quere poñerlles preto libros de calidade, aprenderlles a seleccionar as súas propias lecturas. As bibliotecas escolares son un factor da calidade do ensino que se quere impartir nun centro. As prácticas docentes máis dinámicas, máis activas, que chaman á intelixencia do alumnado, que a estimulan… esixen bibliotecas escolares.
En palabras de Juan Mata, “a defensa da biblioteca escolar supón, pois, a simultánea reclamación doutro modelo de escola”.
Cando un centro educativo renova a súa biblioteca, procura medios para a súa adecuación e actualización, e toma as medidas organizativas necesarias para que estea atendida e para que todo o profesorado e todo o alumnado poida facer uso dos seus recursos, está poñendo ao servizo da comunidade educativa un espazo de aprendizaxe permanente, un instrumento para mellorar a ensinanza no centro, achegar os recursos culturais a todos os seus integrantes, e facilitar a adquisición de habilidades esenciais relacionadas coa cultura escrita, audiovisual e informática. Está creando un espazo de convivencia e de formación de cidadáns, un lugar inclusivo onde todos e todas teñen cabida e poden atopar ferramentas para a súa autoaprendizaxe e para a vivencia da experiencia lectora.
Desde a implantación da LOE todos os centros deben contar cunha biblioteca escolar que sirva a dúas funcións: fomentar os hábitos de lectura e facilitar o acceso a información e outros recursos para a aprendizaxe de todas as áreas e materias. A biblioteca escolar é un recurso educativo de primeiro orde, indispensable nesta sociedade da información na que nos movemos. É un instrumento que permite ao profesorado para ampliar as oportunidades de formación dos seus alumnos e alumnas, facilitando a través do uso continuado recursos que alberga, a adquisición de habilidades relacionadas coa lectura, a escritura e o uso da información; a autonomía na aprendizaxe, o traballo colaborativo (aprender a traballar en grupo), a integración das tecnoloxías emerxentes en actividades para as que son necesarias e non como un fin en sí mesmas (na busca e elaboración de información); a utilización dos recursos cando non se teñen na casa (o que sería a súa función como factor de compensación social); o achegamento a outras realidades de tipo cultural (presentacións de libros, encontros con autores, clubs de lectura, cine-forum, recitais, concertos musicais, lecturas compartidas, maratóns de lectura, lecturas dramatizadas, contacontos, exposicións…). Pero sobre todo, permítelle traballar co alumnado as habilidades de busca da información, aprendéndolles a seleccionar, valorar, recoller, tratar e reproducir información, utilizando fontes diferentes ao libro de texto, e por tanto máis complexas, en situacións nas que teñen que pensar e tomar decisións, consensuar cos seus compañeiros ás veces, definir obxectivos, adaptarse a un guión establecido, anotar, resumir, redactar de acordo a uns criterios… Todas estas actividades son as que permiten aos rapaces a adquisición paulatina desas competencias que precisarán durante toda a súa vida, non só académica, senón tamén na súa vida cotiá, como cidadáns participativos e críticos, menos vulnerables á manipulación por parte dos medios de comunicación, a publicidade ou as sectas, por poner un exemplo. A biblioteca serve para apoiar calquera programa ou iniciativa de calquera sector da comunidade educativa. A biblioteca escolar e a única biblioteca pola que pasa toda a poboación dun país, xusto nos momentos máis decisivos, os da súa formación inicial.
Os novos currículos LOE esixen que cada centro elabore un Proxecto lector, é dicir, un documento que ten carácter normativo para o centro pois se inclúe no Proxecto Educativo do Centro, que debe recoller as actuacións que o conxunto de profesores van levar a cabo para mellorar a lectura comprensiva, os hábitos de lectura, a escritura e as habilidades no uso da información do alumnado do centro. Que se vai facer, como, quen o vai facer e cando. É dicir, unha especie de carta de navegación para que nada sexa improvisado e as actividades que se realicen neste campo sexan coordinadas. Enténdese que o primeiro que hai que poñer a funcionar, se non o está, é a biblioteca escolar. Tamén se propón que se contemplen actividades para a implicación das familias no traballo de fomento da lectura do alumnado, debido á importancia deste ámbito de experiencia dos nenos e das nenas.
- ¿Qué nos ofrece a biblioteca ás familias?
En primero lugar, libros, películas, revistas, música, Internet… ofrécenos materiais para levar á casa en préstamo e poder ler, comentar, contar, escoitar, cos nosos fillos. Libros para nós, para o noso disfrute persoal ou para aprender máis sobre determinados temas. É a biblioteca que temos máis preto, seguramente, e por tanto é a primeira á que podemos acudir en busca dunha información. Pero sobre todo é a que podemos ir para obter orientación sobre os libros que podemos poñer nas máns dos nosos fillos e fillas. Alí hai profesorado que se vai formando pouco a pouco, a veces auténticos especialistas en temas de literatura infantil, sempre especialistas, profesionais do ensino, e por tanto, de todos aqueles recursos que poidan axudarnos a que os nosos fillos aprendan máis e mellor.
- Dúbidas á hora de mercar un diccionario.
- Dúbidas á hora de mercar libros para datas sinaladas ou de forma periódica para a nosa biblioteca familiar. (Moitas bibliotecas editan GUIAS DE LECTURAS RECOMENDADAS, cando menos en dúas ocasións, Nadal e vacacións de verán).
- Novidades existentes no mercado. Informacións para ir ampliando a biblioteca familiar.
- Listados temáticos de libros e outros materiais.
- Libros para nós. Literatura infantil e xuvenil, clásicos, libros actuais tamén para adultos.
- Libros informativos, de carácter pedagóxico. Revistas.
- Oportunidades para colaborar: sesións de lectura compartida, exposicións, revista, blog, páxina web, hora do conto, recital de poesía, festas culturais…
- Oportunidades para tratar cos nosos fillos, na casa, aqueles temas que se están a traballar no colexio, no instituto, e sobre os que eles teñen que buscar información, realizar algún tipo de actividade. Ampliar con eles esa información, profundizar, ocupar un tempo para aprender xuntos. Ir á librería e ver se podemos adquirir un libro que trate o mesmo tema ou se relacione dalgunha forma.
- E sobre todo, o que nos está a ofrecer a biblioteca escolar é un instrumento para mellorar a educación dos nosos fillos, no que nós podemos ter protagonismo nun diálogo permanente e coordinado cos profesionais dos ensino. A posta en valor da biblioteca escolar por parte das familias é tamén unha forma de obter un ensino de máis calidade para os nosos fillos. (Os comedores escolares alimentan aos nosos fillos e buscamos que a calidade dos menús sexa a mellor posible. As bibliotecas escolares alimentan o espíritu e a imaxinación dos nosos fillos, e isto deberíase ter en conta. O transporte escolar, un servizo complementario de indubidable interese no noso país, pódese equiparar en importancia á biblioteca escolar, que leva e trae aos nosos fillos polo mundo da imaxinación e da información).
En definitiva, podemos pedir orientación, axuda, espazos de encontro cos libros e a lectura, ambiente que facilite a cercanía dos libros aos nosos nenos, espazos tamén para que nós poidamos colaborar.
- As mochilas viaxeiras.
Trátase dunha iniciativa da consellería para difundir entre o profesorado dos centros unha práctica de colaboración entre as bibliotecas escolares e as familias, que dá moi bo resultado e que xa probaran algunhas bibliotecas desde hai tempo. (Descrición)
Desde a familia, pódese colaborar con esta actividade recibindo ao rapaz ou á rapaza coma un “embaixador” da súa biblioteca, que nos fai partícipe deses tesouros que ela agocha: novidades, libros diferentes, una película… Recibila case como se fose unha festa, preparando un tempo na fin de semana para ver xuntos e disfrutar do que alí vén, lendo, comentando… escribindo a nosa opinión ou un texto sobre o contido da mochila, unha suxerencia, unha solicitude… no caderno da mochila. Dedicándolle un tempo aos nosos fillos coa mochila como intermediaria. Valorando a actividade e suxerindo melloras, tamén facendo críticas, que se agradece que sexan construtivas.
- Hora de ler. CONTAMOS MOITO!
(Contexto do material. Xustificación. Descrición. Alusión a que se poden baixar do blog de Hora de ler. Lectura dalgún anaco).
- As familias lectoras. Que podemos facer na casa?
- Lectura do material de Contamos moito!!
- Coordinarnos co profesorado, especialmente en situación iniciais de aprendizaxe dos rudimentos da lectura, ver que método están empregando, colaborar e non interferir (ás veces faise sen querer). Sumar e non restar. Valorar o que se fai na escola. Propoñer no caso de que non se faga algunha actividade que consideramos de interese. Propoñerse para colaborar.
- Ler. Lerlles. Escoitalos cando len. Falar dos libros.
- Revistas de divulgación. Revistas dos xornais da fin de semana. O xornal. Os gráficos. Imaxes. A televisión. A publicidade. As series. Poñer un mapa nun lugar central da casa. Acudir a el sempre que apareza algún tipo de conversa sobre lugares localizables (noticias, visitas, cartas dun familiar…)
- Poñer o ordenador nun lugar de paso da casa. Consultar espazos web de calidade.
- Visitas á librería.
- Visitas aos museos. Comentar os cadros e as esculturas. Buscar información sobre os artistas. Comparar con outros anteriores. Falar do que nos fai sentir ou do que nos lembra tal ou cal peza de arte.
- Anotarse na biblioteca pública. Acudir ás actividades.
- Ir ao cine e comentar as películas. Buscar un libro que trate un tema semellante. Buscar nun mapa o lugar no que transcorría a historia.
- Buscar información cos rapaces cando a vida familiar así o motive: preparación de viaxes, compra dalgún produto, desprazamento dalgún membro da familiar, acontecemento local…
- Falar das lecturas de cada quen nas comidas ou nos momentos de descanso. Preguntar polas novidades na biblioteca.
- Consultar o diccionario ante unha palabra que se descoñece ou da que non se coñece o significado exacto.
- …
- Fórmulas para conseguir que os nenos non lean
Existen prácticas que, querendo ser moi activos nesto da mediación da lectura, nos poden levar xustamente a que os nenos e as nenas odien a lectura. O que non se debe facer:
- Falar do importante que é a lectura.. pero non ler nunca diante deles.
- Obrigarlles a ler.
- Comparar a lectura cos medios audiovisuais ou os xogos informáticos… Ollo, sempre van gañar eles en prestixio e en capacidad de sedución… hai que ser cautos e integrar estes medios de acercarse ás historias e de ocupar o tempo libre.
- NUNCA castigalos enviándoos a ler ao seu cuarto.
- NUNCA enfrontar lectura con tv ou con playstation
- Impoñerlles lecturas, por moi boas que nos parezan.
- Menospreciar os seus gustos.
- Comparar uns nenos con outros ( tiñas que ler coma o teu curmán…)
- Destacar os erros ao ler en voz alta… PACIENCIA
- Pedir resumos
- Relacionar libros con deberes escolares.
- Controlar todo o que len
- Esixirlles lecturas non apropiadas para a súa idade e madurez lectora (por moi boas que nos parezan)
- A brecha lectora: chegamos á adolescencia. De acompañamentos e resistencias, paciencia e modelos.
É unha das preocupacións dos pais, do profesorado e dos estudosos da lectura. Eses rapaces que durante a infancia eran lectores frecuentes, apoiados na familiar e na escolar e que van abandonando esta práctica, a veces dunha forma brusca en canto se incorporan ao ensino secundario.
As causas son moitas (novos amigos, novos gustos, novas vivencias que experimentar, novos intereses, presión do grupo cara a outras actividades, mesmo claramente en contra da práctica da lectura… pero tamén a falta de tempo, entre deberes escolares, actividades extraescolares, lecer audiovisual, deporte, xogos informáticos…. ). Reacción fronte os adultos que sempre valoraron esta actividade, confusión (non atopar o libro axeitado aos seus novos intereses), desconfianza respecto das recomendacións dos adultos descoñecidos… falta de coherencia entre o que se lles pide e o que se fai…
Pero hai duas cuestión que teñen que levar á reflexión. Hai rapaces que siguen lendo… ¿por qué? ¿Qué fan os adultos do seu contexto familiar e escolar? Hai biblioteca no centro? Hai acceso doado aos libros no centro??? Séntense reclamados polos libros no novo centro??? As actividades propostas están pensadas para eles e elas??? Os estimulan convenientemente??? Séntense libres para ler o que lles peta??? Atopan libros xeracionais na súa biblioteca???
¿En qué consisten as actividades de fomento da lectura nas que se lles involucra? ¿Cumpren os requisitos??? ¿Teñen espazos e tempos para a lectura???
Cando a biblioteca resulta un lugar atractivo, hai libros e materiais actualizados e de calidade, dos seus intereses… hai profesores que os reclaman para a lectura… sobe o porcentaxe de alumnado que fai uso deses recursos… só hai que ver a súbida dos índices de préstamo que experimentan as bibliotecas que se transforman e coidan as súas actividades… Cando HAI ADULTOS QUE ACOMPAÑAN NA LECTURA, os rapaces lectores seguen lendo… ou o intentan. Algúns déixano… pero outros volven… e segundo os estudos, moitos deles volven, despois de rematados os estudos universitarios, a índices de lectura frecuente. Tamén hai rapaces que se incorporan. Segundo algúns estudosos, o verdadeiro hábito de lectura só se adquire na adolescencia.
Non todos len literatura… pero len en Internet, len revistas deportivas… De aí a necesidade, a urxencia de educalos desde ben pequenos na selección de textos de calidade… na valoración das información… e na adolescencia é crucial aprenderlles a seleccionar e valorar as páxinas de Internet… aprenderlles usos saudables das redes sociais…
Os clubs de lectura: unha fórmula eficaz polas súas características. (Alusións ao programa da consellería).
O máis importante: evitar a aparición das resistencias, esas que levan a un adolescente a dicir: é que a min non me gusta ler. ¿Cómo? Aceptando as súas lecturas, ofrecéndolles oportunidades de lectura, atractivas, en contacto cos seus intereses, e sendo modelos de lectura, abertos, sen estridencias… seducindo, contaxiando, propoñendo, acompañando….