Formar leitores para ler o mundo. Implicación e compromiso

Librería Negra y Criminal (Barcelona)

Librería Negra y Criminal (Barcelona)

Artigo incluído na publicación do Congreso “Formar leitores para ler o mundo”, organizado pola Casa da Leitura (Fundación Caloute Gulbenkian) en Lisboa, en xaneiro de 2009.

Gusto moito do título deste Congreso Internacional de promoción da lectura que a Fundación Gulbenkian ten previsto organizar en Lisboa os vindeiros 22 e 23 de xaneiro: Formar leitores para ler o mundo. Ler o mundo fora o lema elixido para unha liña de materiais elaborados desde a Consellería de Educación da Xunta de Galicia con destino ao alumnado de 3º ciclo de ensino primario e 1º ciclo de ensino secundario obrigatorio (mozos e mozas de entre 10 e 14 anos), que tiven o pracer e a oportunidade de coordinar, e que foron distribuídos en todos os centros de ensino da comunidade autónoma galega durante o ano 2007. Estes materiais integrábanse no programa Hora de ler, para o fomento da lectura en centros de ensino non universitario, iniciado no 2006. Ler o mundo é o que precisamos, o que precisan as crianças para superar o egocentrismo, coñecerse e coñecer ao Outro, e así medrar como seres humanos xustos e solidarios. Os materiais que se remitiron aos centros de ensino consistían en carteis divulgativos, guías para o profesorado e uns cadernos de viaxe para o alumnado. Propúñase unha exhaustiva relación de títulos de libros de literatura infantil, xuvenil e outros sen clasificar por idade, clásicos e de autores actuais, así como películas, nos que a idea da viaxe estivese presente dunha ou outra forma; tamén se recomendaban músicas de diversas partes do mundo e enderezos electrónicos que completaban esta guía de lectura sobre as viaxes. Os cadernos de viaxe contiñan agochado un xogo de textos “anónimos”, aos que cumpría descubrir o autor e o título do que foran extraídos, todos eles de obras tamén “de viaxes”. Eran ademáis una proposta aberta de expresión escrita e gráfica a partir dos libros lidos por cada lector, pois pretendíase, básicamente, que servisen como diario de lecturas.

Unha das ensinanzas que obtivemos, ou máis ben unha constatación que puidemos facer logo da valoración desta acción (que respondía a unha demanda explícita do profesorado de contar con instrumentos deste tipo para poder apoiar os seus labores de fomento da lectura), foi que os resultados que se acadan con calquera material ou iniciativa para fomento da lectura en contextos educativos, están directamente relacionados co nivel de implicación e de compromiso do profesorado que realiza o seu labor de mediación cos novos lectores. Púxose moito coidado no deseño dos materiais deste programa: escolleuse a un dos mellores ilustradores galegos, Óscar Villán, para todo traballo gráfico, o equipo que os elaborou estaba formado por docentes con experiencia contrastada no ámbito das bibliotecas escolares, a renovación pedagóxica, a literatura infantil e xuvenil e o fomento da lectura; resultaron uns produtos atractivos e de calidade, uns materiais ben dignos. Pero o emprego destes recursos na procura dos obxectivos para os que foron creados (espertar as ganas de ler, de escoitar e de mirar, aunar expresión escrita e expresión artística coa lectura de textos diversos en soportes diversos) dependeu en total medida da existencia nos centros dun profesorado motivado, aberto a novas propostas, con interese e vontade de introducir estes materiais nas súas prácticas cotías en relación á lectura e á escritura, con curiosidade polas propostas que recibía, con capacidade para a análise desas propostas, mellorándoas ou modificándoas no que fose preciso para adaptalas ao seu alumnado, con coñecemento dos rudimentos básicos do que vimos chamando fomento da lectura entre os máis novos. Desafortunadamente, este perfil non é o maioritario entre o profesorado e, aínda que o programa tivo una valoración xeral moi positiva, entendemos que non foi totalmente aproveitado por todos os nenos e nenas porque non todos tiveron a oportunidade de contar con mediadores que llos soubesen facer chegar e lles soubesen quitar o máximo proveito e desenvolver todas as posibilidades que agochaban.

Unha nova acción, máis recente, confirma a mesma tese. A Consellería de Educación convocou para o curso 2007/2008, novamente no contexto do programa Hora de ler, unas axudas para incentivar a creación de clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario, formación profesional, ensinanzas especiais e escolas oficiais de idiomas. A resposta á convocatoria foi moi superior ao agardado. Recibíronse un total de 106 solicitudes das que 104 conseguiron axudas para o seu funcionamento (entre 800 e 1900€). Durante este pasado curso 1/3 dos centros públicos galegos de ensino secundario albergaron un ou varios clubs de lectura, auténticos círculos de interese arredor da experiencia lectora, nos que participaban profesorado, alumnado e, nalgúns casos, pais, nais e persoal non docente. Cómpre sinalar que unha das condicións da convocatoria era que as reunión presenciais dos grupos de lectura se levasen a cabo en períodos non lectivos (recreos ou fóra de horario). Moitos destes grupos crearon, ademáis, blogs do club de lectura, como complemento virtual ás sesións presenciais. Os resultados manifestados nas memorias presentadas polo profesorado responsable destes clubs de lectura son altamente positivos. Todos os clubs de lectura tiveron actividade por riba da programada inicialmente e prácticamente todos continúan a funcionar, con maior número de participantes, neste curso 2008/2009, aos que se sumaron máis de 50 novos clubs. O entusiasmo dos rapaces e rapazas participantes “tira” do profesorado, xa suficientemente motivado como para involucrarse nunha actividade deste tipo fóra do seu horario laboral. Esta iniciativa non sería posible sen o compromiso dun profesorado atento aos intereses do seu alumnado, que realiza o seu labor de mediador con coñecemento e entusiasmo, posibilitando o encontro entre mozos e mozas e, tamén, a conversa, a análise, a expresión, a argumentación, a comunicación en fin, arredor dos libros, o cine, a música e a cultura en xeral. Agora ben, onde non hai este tipo de profesorado… non hai clubs.

Detrás desta iniciativa da administración educativa está o convencimento de que os clubs de lectura, os círculos de interese, as redes sociais, son a fórmula máis axeitada para traballar os hábitos de lectura cun sector de poboación tan especial como os adolescentes. Agora ben, esta fórmula só é posible nestes niveis de idade, se hai un adulto que guía, orienta, aglutina, modera, educa, motiva, propón, activa, dinamiza, abre fiestras a novos mundos e, en definitiva, media entre os libros e os lectores. A integración das estratexias e as ferramentas da web social é tamén unha fórmula que debe terse en conta para sumar adeptos e educar para as novas lecturas.

A realidade social é que, en España, prácticamente a metade da poboación adulta non é lectora habitual. Se ben estes datos poden ser diferentes entre o profesorado, o certo é que aínda fican moitos docentes que non teñen a lectura entre as súas prácticas de lecer habituais. Xa que logo, tampouco lles podemos pedir que se boten a facer lectores… Ben, poder, podemos, pero non serviría de nada, como a realidade se empeña en demostrarnos. Se cadra, a escaseza de persoas no seu entorno como modelos lectores, atractivos, estimulantes…, sexa unha das causas de que a lectura non sexa unha actividade valorada especialmente entre a xente nova, como non o é tampouco entre a poboación adulta. Se cadra, tamén, habería que preocuparse menos de fomentar a lectura e, pola contra, poñer de manifesto, día a día, a súa utilidade, o carácter imprescindible dunha boa competencia lectora para superar as distintas probas que a vida nos vai presentando, sexa a nivel persoal, académico ou social, como estudantes, traballadores, usuarios dos medios de comunicación, cidadáns activos ou simplemente como consumidores críticos. Tamén sería bo pedirle aos políticos e ás autoridades culturais e educativas menos lugares comúns, menos tópicos nas súas declaracións a favor da lectura; á industria editorial poderíamos pedirlle máis control da calidade dos productos que pon no mercado no canto de tanta publicación estéril e esterilizante; aos libreiros poderiamos valorarlle máis a súa valentía á hora de expoñer libros bos nos seus escaparates… e entre tanto, todos e todas a procurar co noso traballo (tamén como docentes e mediadores) unha sociedade máis cálida, máis humana, máis libre, máis culta, máis xusta, onde haxa tempo para ler e cultivarse, tempo para pensar e falar de vagar coa nosa xente… tamén de libros e de lecturas.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2009

Artigo publicado nesta edición do congreso

Share

Deixa unha resposta