Sobre as bibliotecas

Biblioteca escolar do CEIP Virxe do Mar (Narón, A Coruña)

Biblioteca escolar do CEIP Virxe do Mar (Narón, A Coruña)

Texto orixinal publicado (nunha versión reducida) no libro “Os ollos do Contomar”, editado por Espazo Lectura, en 2009

 “Había una vez una nena que lle abríu a barriga ao lobo…. e saíron bolboretas” escribíu, nunha biblioteca escolar hai algún tempo, una nena de cinco anos á que lle leran xa, e lle contaran, moitos contos. Unha nena que tivera a sorte de asistir a un colexio no que había una biblioteca con moitos e fermosos libros. Tiña ademáis esta nena, unha nai que lía con ela ás noites o libro que ámbalas dúas escolleran  con moito coidado e con moita ilusión. Era unha nena afortunada e unha nena que gostaba das historias.

Contar e cantar, ler e recitar, aprender a mirar, aprenderlles, aloumiñar as páxinas…. Saborear as palabras, estricalas, debuxalas coa voz e coas mans no ar e no papel. Andar por riba delas, das palabras, coma quen anda por riba dun aramio, coa vertixe a rubir pernas arriba, a facer coxegas no estómago. Levar a una nena, a un neno, da man, camiño das palabras e atravesar a porta da biblioteca, escoller un libro, non calquera, ese que nos chama desde os andeis. E sentarmos para ollalo lentamente, e deixar voar as palabras, deixalas que se aniquen trala súa orella esquerda, e mesmo trala súa orella dereita, e esvaren polo cabelo abaixo, e entren ata ese lugar no que habita o corazón.

A biblioteca como espazo para o amor, que alimenta coma o pan que lles damos, e o leite.  A biblioteca como espazo de encontro consigo mesmo e co Outro, co diferente e co semellante, co vello e co máis recente e novidoso. Cando lles aprendemos aos máis novos a acudir á biblioteca (á nosa, a familiar, á do colexio, á do barrio), cando lles axudamos a elixir entre o moito que hai para ler, cando os acompañamos polos camiños das palabras, estamos a ofrecerlles un obxecto único: o poder da persoa que le. É unha chaviña dun metal precioso, fantástico, pouco valorado ás veces polos que non saben mirar lonxe nin mirar fondo, pero que abre mundos extraordinarios e, tamén, mundos comúns pero cheos de misterio, marabillas e perigos. Acompañalos é tamén un agasallo para nós, para os adultos, sempre que nos deixemos contaxiar da maxia das palabras e nos permitamos entrar no mundo no que todo é posible, onde hai historias agochadas que tamén nos falan de nós e nos axudan, se as deixamos, a ordenar as pezas deste  crebacabezas no que se nos vai mudando pouco a pouco a vida.

Share

Deixa unha resposta