Si, na base de todo están os libros. Por moito que a industria tecnolóxica, co seu poder, queira borralos, seguen a ser o instrumento perfecto para garantir a igualdade de acceso ao coñecemento. Entre tanto, mentres nos entreteñen con que si soportes e formatos, e que si o dixital vai gañar a partida e demais trapalladas, as persoas mediadoras esquecemos ás veces que o importante non é o instrumento, o importante é a lectura, e o obxectivo é favorecer o acceso e a comprensión do contido. Facer o imposible por facilitar o acceso á lectura e aos textos que os creadores e creadoras poñen á nosa disposición. Traballar para que os máis novos non desenvolvan resistencias contra a lectura e o coñecemento. Procurar que todas as crianzas teñan a posibilidade de coñecer o mellor do que se edita, e dotalas de recursos para saber escoller, para saber seleccionar e ir acadando autonomía para realizaren as súas propias escollas. Dispositivos de lectura dixital nas bibliotecas escolares? Todos os que poidamos, os mellores, os máis actualizados. Libros dixitais? Ben seleccionados, con criterios de calidade e o máis actualizados posible. Pero que non se nos esqueza que a base de todo son os textos que conteñen. E que sexa en papel ou en dixital, o importante é poder achegarse ao contido, favorecer o acceso ao contido. E formar ao alumnado en competencias dixitais suficientes para que ese acceso, se desexa facelo en dixital, teña a posibilidade de elixir porque máis aló da conectividade, dos dispositivos de lectura dixital, e do volume de títulos dispoñibles, o decisivo é ter competencia como usuario de información en formatos dixitais. Os estudos din que a maior lectura dixital, maior necesidade de competencias dixitais e de tratamento da información. Pois iso.