Sobran motivos para seguir defendendo a biblioteca escolar

Recentemente os responsables da revista ITEM, editada polo Col-legi Oficial de Bibliotecaris-Documentalistas de Catalunya, facilitaron o acceso libre a un artigo meu publicado no número 69 (xullo-decembro 2020), nun monográfico sobre bibliotecas escolares e servizos para nenos e mozos. O artigo, 4 reptes per a la biblioteca escolar 2020: ens sobren els motius, narra (a petición dos responsables da revista) o proceso de elaboración dun documento que se ofreceu como material de traballo para pensar o papel da biblioteca escolar a estas alturas do século XXI, froito do traballo conxunto dun grupo de persoas expertas e técnicas do ámbito da lectura, as bibliotecas escolares e a educación, reunidos en Santiago de Compostela o 23 de marzo de 2019, convocadas pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da entón Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. O devandito documento, 4 retos para a Biblioteca Escolar 2020, púxose a disposición das diferentes administracións educativas e de todos aqueles que teñen algún tipo de responsabilidade na situación das bibliotecas escolares no noso contexto. As persoas que nel participamos seguimos pensando que é un documento útil aínda para por enriba da mesa do debate educativo e alí onde se queira traballar a prol da biblioteca escolar, da lectura e das competencias en información e medios.

No Día do Libro vemos como en actos oficiais da administración central para falar do libro e da lectura, volven esquecer o papel das bibliotecas escolares na formación dos novos lectores e lectoras. Non se fala delas, ocúltase o seu importante labor, o traballo e os bos resultados do empeño e a profesionalidade de tanto docente implicado, de tantas comunidades educativas, que son unha realidade non só en Galicia, senón que están espalladas tamén por todo o territorio español. O artigo orixinal, escrito a comezos do 2020, remataba:

Está en manos del actual Ministerio de Educación un movimiento proactivo y decidido a favor de las bibliotecas escolares de todo el territorio, a nivel presupuestario, normativo y de visibilidad. Si ello no ocurre, nos sobran los motivos para seguir demandándolo.

Á vista do que estamos a vivir en educación neste 2021, sobran os motivos para seguir insistindo, pois: a biblioteca escolar é unha peza fundamental para o bo funcionamento dun centro, aliada perfecta do sistema educativo na formación integral do alumnado e no labor de construción das persoas lectoras; son espazos de cidadanía e de desenvolvemento do pensamento crítico, sen dúbida algunha.

Ao mellor vai ser iso, ao mellor aí está a clave do seu abandono na normativa, nos recursos, na visibilidade… e nos discursos.

Share

Deixa unha resposta