Clubs de lectura, unha fórmula que seduce e funciona

Convidáronme desde a Fundación Bromera para participar na súa campaña de fomento da lectura arredor dos clubs de lectura. Unha iniciativa moi potente con varias accións coordinadas desde a Fundación baixo o título “Clubs de lectura. Entre línies”: artigos, un seminario virtual, encontros con autores e a edición duns materiais fantásticos que repartiron entre asociacións, institucións e persoas interesadas. A campaña vai destinada a bibliotecas públicas e escolares, asociacións diversas e familias. A todo aquel que poida estar interesado en poñer en marcha un club de lectura na súa dinámica de promoción da lectura. O meu compromiso consistía na elaboración dun pequeno artigo que foi publicado como material complementario e na participación, o pasado 28 de abril, no Seminarientrelínies, un ciclo de formación en línea. Nesta ligazón pódense ver todas as intervencións do Seminari. Están tamén dispoñibles nas redes sociais da Fundación Bromera (facebook e youtube).

Acceso ao artigo: Clubs de lectura: una fórmula que sedueix i dona resultat

Agradezo á Fundació Bromera o seu interese no que eu lles puidese achegar. Nas conversas finais e posteriormente, a micro pechado, nun interesante diálogo que mantiven coas responsables da Fundació, quedou evidenciada a necesidade de traballar pola existencia da biblioteca escolar, como base e referencia para que, no ámbito educativo, poidan callar este tipo de iniciativas. Sempre que teño oportunidade de falar para outros territorios das dinámicas xurdidas en Galicia arredor da biblioteca escolar e dos clubs de lectura, o abraio e a admiración dos asistentes é grande. En efecto, o que pasou e segue a pasar en Galicia en materia de lectura é importante e responde ao traballo de moita xente, administración educativa incluída, só que algúns non o dan visto.

Share

Deixa unha resposta