Aló vai unha década desde o último Congreso Nacional de Bibliotecas Escolares

12-11-11.BET2011.Conferencia final: “Leer y hacer uso de la biblioteca escolar :¿y eso para que sirve? ” impartida por Michéle Petit Foto:Iago lópez/imaxepress.com

Nestas datas de novembro de 2021 cómpre lembrar o Congreso Nacional de Bibliotecas Escolares, celebrado en Santiago de Compostela os días 10, 11 e 12 do mes de San Martiño de 2011, organizado conxuntamente polo Ministerio de Educación e a Consellería de Educación da Xunta de Galicia, especificamente pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e o equipo da Asesoría de bibliotecas escolares. Achegáranse a Compostela algo máis de trescentas persoas procedentes das distintas CCAA: persoal técnico das diversas consejerías que traballaban en materia de biblioteca escolar e lectura, asesores e asesoras de formación neste ámbito, así como profesorado vinculado á biblioteca do seu centro. Ampliouse a participación (para paliar en parte a ausencia das xornadas anuais galegas, que ese ano non se celebraron), coa asistencia dunhas cento cincoenta persoas procedentes da rede de Bibliotecas Escolares de Galicia (Plan de mellora de bibliotecas escolares e persoas vinculadas á formación do profesorado nesta materia). As administracións educativas (central e autonómica) puxeron recursos para a celebración deste evento e desde o equipo de organización conxunto procurouse un programa extenso e significativo. Entre outras moitas intervencións, presentouse, no seo do congreso, o Marco de Referencia para as Bibliotecas Escolares, publicado polo Ministerio de Educación, e froito do traballo da Comisión Técnica de Bibliotecas Escolares, integrada no Consejo de Cooperación Bibliotecaria, poucos anos antes creado.

Foi, por infortunio, o final dunha época de apoio xeralizado ás bibliotecas escolares no Estado Español. Cos cambios que se produciron pouco despois no goberno central, rematou o “plan de mejora de bibliotecas escolares” de nivel estatal (que proporcionaba recursos importantes a todas as CCAA que participaban, e que debían poñer, de forma corresponsable outro tanto dos seus orzamentos), non se volveu convocar o Premio Nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares e tampouco se volveu convocar a todo o colectivo nun congreso destas características. Aló vai unha década.

Hoxe quero lembrar as “achegas” elaboradas a partir das intervencións e o dos debates habidos nas distintas mesas temáticas e tamén convidar a unha revisión pausada dos vídeos que testemuñan todo o que alí pasou (Todos estes materiais están aloxados na web de Bibliotecas escolares de Galicia)

La biblioteca escolar tiene oportunidades en la necesidad

perentoria de enseñar a comprender lo que se mueve fuera del

currículo y a participar de forma crítica; puede trazar puentes

entre los intereses del alumnado y los currículos.

Documento de aportaciones. Congreso “Bibliotecas Escolares en Tránsito”. Santiago de Compostela, noviembre de 2011.
Share

Deixa unha resposta