Biblioteca escolar no ensino enraizado

O número 81 da revista EDUGA, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, correspondente ao primeiro semestre do ano 2021, recolle un artigo que comprometera coa Asesoría de bibliotecas escolares en relación co que signfica traballar na biblioteca escolar de centros localizados en concellos de zonas rurais ou semiurbanas (rurubanas, que din algúns). A Galicia rural vai vendo como esmorecen os seus núcleos de poboación e como decrece a poboación escolar dos seus centros a pasos axigantados. O papel que están a xogar as bibliotecas escolares nestes centros é encomiable. Porque son partidaria de difundir o moito e bo que se está a facer na “educación heróica”, por vales e montañas no noso país, é polo que escribín este artigo coa orientación que leva.

A biblioteca escolar ten como finalidade en calquera centro a de servir á igualdade de oportunidades e exercer como factor de compensación social, pero é nestes ámbitos rurais (o mesmo que nas barriadas máis desfavorecidas das grandes cidades) onde a biblioteca se manifesta como un equipamento cultural e educativo indispensable para contribuír a unha maior equidade e a lograr que ningún alumno, ningunha alumna, perda ocasión de aprender, crear, expresarse ou gozar de instrumentos, materiais e actividades de «amplo espectro» polo feito de que o seu contorno ou a súa familia non poida achegarllos. Que ninguén perda oportunidades de atoparse coa palabra na súa diversidade de matices, a palabra da poesía, dos relatos, dos libros que nos aprenden a mirar o mundo e que nos axudan a construírmonos como persoas. Que ninguén pase sen ocasión para expresar e recoñecer a súa voz, desenvolver aos poucos o seu pensamento, diverxer do común, imaxinar relatos novos e comunicalos de mil formas. Velaí o valor da biblioteca escolar en todos os ámbitos, pero moi especialmente naqueles contextos que puidesen ofrecer menos estímulos (ou, mellor dito, que ofrecen outros estímulos que non funcionan como tales porque responden a esa cultura de segunda para os grandes medios de comunicación, que pivotan sobre valores de maior interese para o mercado e a publicidade e inundan coas súas mensaxes envelenadas a vida de todos).

Pódese acceder ao artigo completo aquí: A biblioteca escolar no ensino enraizado. Artigo completo na revista EDUGA

Share

Deixa unha resposta