A palabra habita a biblioteca escolar

A solicitude da Asesoría de bibliotecas escolares, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, elaborei un artigo arredor do tema da oralidade e as súas manifestacións e posibilidades no contexto das actuais bibliotecas escolares galegas (e outras). O artigo está publicado na revista EDUGA, da devandita consellería, no seu número 82, correspondente ao semestre xullo-decembro de 2021. Un dos apartados leva por título Clubs de escoita, obradoiros, xogos de mesa e grupo de gancho e fala de actividades que comezan a xeralizarse nas bibliotecas dos centros galegos e que propician a aprendizaxe dunha ferramenta básica de cidadanía activa e crítica: o uso da palabra.

A diversidade de actividades que se programan nas bibliotecas escolares máis activas da Comunidade Autónoma de Galicia ofrece multitude de ocasións para «tomar a palabra» e compartir experiencias de todo tipo onde a oralidade cobra un papel fundamental. Así, arredor da proposta dos clubs de lectura xorden outras iniciativas que amplían contidos e facilita a relación entre os integrantes da comunidade escolar. É o caso do «club de escoita» do IES Valadares (Vigo), no que os seus integrantes se exercitan na lectura en voz alta facendo fincapé na importancia de educarse na escoita activa e atenta. Ou os varios clubs de diversidade que xorden con forza nos institutos máis atentos á necesaria educación para a igualdade e a diversidade, así como o recoñecemento dos dereitos dos colectivos LGTBI, en definitiva, dos dereitos humanos. Estes clubs recollen as inquedanzas dos seus integrantes en relación coa lectura e coa reivindicación de espazos de equidade, respecto e normalización no ámbito educativo e na comunidade na que se desenvolven.

Comeza a xeneralizarse o aproveitamento dos espazos de lecer para a realización de obradoiros a cargo do propio alumnado na meirande parte dos casos, dirixidos ao conxunto da comunidade escolar, cunha planificación coidada de contidos en función dos intereses dos propios participantes e dos talentos que agocha cadaquén, e sempre coordenados polo equipo de biblioteca do centro. Obradoiros de debuxo, manga, escritura creativa, papiroflexia ou origami, poesía, construcións, xogos matemáticos, experimentos científicos, fotografía nocturna co móbil ou labores de gancho, entre moitas outras, ocupan o espazo da biblioteca nos recreos cunha participación que debe ser organizada en pequenos grupos para seren efectivos e por mor dos protocolos covid-19. En todas estas propostas a palabra está presente desde o mesmo deseño da actividade e da súa difusión a través de distintos medios (e do boca-orella), e sempre no seu desenvolvemento, contribuíndo a esa formación cidadá para o diálogo, a expresión cultural e a aprendizaxe permanente que a biblioteca escolar ten como principal obxectivo.

Outra tendencia á alza nas bibliotecas escolares son os xogos de mesa. Actualmente o mercado ofrece unha variedade moi interesante de xogos de estratexia, habilidades lingüísticas, xestión de recursos, creación de historias, coordinación, memoria, capacidade dedutiva e outras moitas habilidades. Todos eles (desde o xadrez aos xogos de cartas, dados e taboleiro, ou moitos xogos de rol) teñen cabida na biblioteca escolar e cómpre incorporar a profesorado e alumnado con experiencia neste tipo de xogos para a selección daqueles que poidan ser de maior interese para a comunidade educativa concreta de cada centro. Resulta de interese a práctica de que sexa o propio alumnado voluntario da biblioteca escolar o que se inicie no xogo e despois, en obradoiros programados no tempo de lecer, poida iniciar, pola súa vez, a outros alumnos e alumnas interesados.

Desde o xogo da oca e as barallas de familias ata os cubos para construír historias ou o tangram, a variedade de xogos de mesa que xa poden compartir os máis pequenos, cos mesmos obxectivos, é ampla e chama a unha exploración por parte dos equipos de biblioteca. Ademais de incorporar os recursos á colección e organizar sesións para aprender a xogar ou facilitar a organización de «grupos» específicos nos recreos para practicar estes xogos, a biblioteca pode estimular o seu uso mediante a organización «dunha semana de…», «dunha xornada de…» que achegue estes recursos a toda a comunidade escolar. Unha vez máis, a palabra ten protagonismo neste tipo de propostas que contribúen a educar a escoita, a paciencia, a comprensión e utilización práctica de textos instrutivos, a exposición oral e o diálogo construtivo.

Acceso ao artigo completo, A palabra habita a biblioteca escolar: http://www.edu.xunta.gal/eduga/2178/bibliotecas/palabra-habita-biblioteca-escolar

Share

Deixa unha resposta