Agardemos sentadas

Tuilleries, París, xaneiro de 2022

Visto o visto, bo é que vaiamos collendo a cadeira e sentemos. O inverno para as bibliotecas escolares en España parece que vén longo e frío. Non se albisca por ningún lado, agás as excepcións de Extremadura e Galicia, unha reacción consistente, consecuente, coherente… á situación de penuria que amosan os datos recollidos no informe estatístico, de carácter censal, realizado no curso 2019/2020 en colaboración das administracións central e autonómicas e publicado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional no pasado verán. Nin tan sequera o profesorado do claustro virtual nas redes sociais (tan preocupado polas condicións de mellora imprescindibles como a baixada das ratios), cando escribe a súa carta aos Reis Magos ten unha lembranza para as bibliotecas escolares. Pola contra, en todas as CCAA hai profesorado que volverá o luns 10 aos centros e, máis aló das preocupacións lóxicas pola situación pandémica, voltarán abrir as bibliotecas e reiniciarán as actividades co alumnado en materia de lectura e de traballo coa información. As bibliotecas escolares vivas, que funcionan contra vento e marea por todo o territorio, con máis ou menos apoios, volverán ser espazos de encontro (coas medidas de seguridade pertinentes); de acceso, aprendizaxe e gozo da lectura; de expresión e de exploración; de “viaxe da información ao coñecemento” (en palabras da IFLA): lugares de palabra e de convivencia, “viveiros de cidadanía”.

Mentres os informes e os estudos que falan do importante papel que poden xogar, e xogan, as bibliotecas escolares na formación do alumnado dormen enriba das mesas de responsables educativos, miles de nenas e nenos, de mozos e mozas, atopan nas súas bibliotecas e grazas ao profesorado que as pon en pé (e aos plans e programas institucionais que si funcionan, hai que ser xustos), recursos e oportunidades para medrar con máis e mellores ferramentas coas que facer fronte ao que nos toque vivir.

Share

Deixa unha resposta