De contos e narración oral na biblioteca escolar

Entrando no bosque

A presenza da narración oral no día a día da biblioteca escolar faise imprescindible na medida en que todas as persoas estamos necesitadas de historias, precisamos escoitar historias para entendérmonos e para entender o mundo que nos rodea. E as historias poden ser lidas, pero cando son contadas recuperan ese poder misterioso polo que, a través da voz de quen narra, esperta en nós a forza para enfrontármonos a todos os medos, iniciar as viaxes pendentes, andar todos os camiños, navegar todos os mares ou explorar todos os bosques ao noso alcance. Por esta razón, é importante que os contos e as quedadas para contar non sexan só cousa dun día especial, han de sistematizarse e, para iso, os grupos de voluntarios e voluntarias tanto en primaria como en secundaria, así como as familias colaboradoras coa biblioteca escolar teñen un «nicho» de traballo, un ámbito de participación activa contribuíndo, xunto ao profesorado do centro, a que a narración oral poida chegar a todos e todas.

Escoller un conto, un relato, preparar a súa narración en función do público destinatario (sen demasiadas estridencias, dándolle protagonismo á historia), dedicar tempo a interiorizalo e, se fose o caso (que non é imprescindible), a preparar os elementos para enriquecer a narración (un monicreque, unha caixiña con obxectos evocadores…), son actividades que enriquecen a quen as realiza e beneficia a quen, ao final, escoita a historia. E isto é importante a todas as idades, porque para cada fase da vida hai un tipo de contos e, por outro lado, as narracións tradicionais agochan diversos niveis de lectura, polo que son beneficiosos para todos. Os adolescentes, ademais, teñen nos monólogos, nos contos de terror ou nas lendas urbanas unha tipoloxía de relatos que lles resultan ben atractivos e que cómpre incorporar ás contadas.

Organizar tempos para contar historias, para compartir contos en calquera biblioteca de centros de niveis non universitarios é unha oportunidade para crear lazos afectivos coa palabra, coa narración, coa lingua e coa actividade de escoita. Brinda ocasión, así mesmo, para pescudar lendas e contos tradicionais da rica literatura oral galega, viva aínda na memoria dos adultos, especialmente no medio rural, e redescubrir para os máis novos personaxes e historias que axudan a entender o mundo, desde a toponimia, a xeografía, os mitos, os medos e o modo de enfrontalos.

Do artigo A palabra habita a biblioteca escolar, publicado na revista EDUGA no seu número 82, de decembro de 2021.

Share

Deixa unha resposta