24 de outubro, Día das Bibliotecas

Fogos de artificio
O 24 de outubro é unha festa nas bibliotecas, é a festa das bibliotecas

Dende hai algúns anos, diversas institucións, asociacións, administracións culturais e educativas publican, co gallo do Día da Biblioteca, unha imaxe –un cartel, unha ilustración– que serve de punto de partida e de mensaxe, explícita ou simbólica, para a celebración desta data, para a difusión dos beneficios da biblioteca, para a reivindicación da súa existencia nalgúns casos. Fálase do Día da Biblioteca pero algunhas, insistentes e resistentes, falamos desde hai ben anos, do Día das Bibliotecas. Porque bibliotecas hai varias e de diversos tipos, todas necesarias, todas vinculadas e partícipes dun mesmo sistema, todas a intentar sobrevivir e demostrar que a súa existencia é imprescindible na sociedade actual, como a realidade se empeña en demostrar día tras día, e para garantir os dereitos básicos de acceso á cultura e á información.

Nesta casa deféndese a alegría das Bibliotecas Escolares Galegas por ter chegado até aquí e por ter demostrado que son posibles, que é posible con convicción, empeño, recursos, formación, planificación, coordinación, avaliación e alianzas, botar adiante un programa que asegure a existencia de bibliotecas escolares como espazos creativos de aprendizaxes en todos e cada un dos centros educativos do país. E celébrase con festa que hai vida, moita vida por diante, a pesar de todos os atrancos, a pesar das dificultades e das incomprensións dun pequeno sector do profesorado, dunha parte tamén dos responsables das administracións educativas de aquí e de acolá.

Agora ben, nesta casa tamén se reivindica o moito que queda por facer para asegurar e garantir o funcionamento das bibliotecas escolares, principalmente no que atinxe aos recursos humanos, un desafío para as administracións, que non poden seguir tirando das escasas horas dispoñibles coas que conta o profesorado responsable, que moita e de moita calidade é a dinámica destas bibliotecas, pero non polo apoio neste aspecto (que cada curso son menos as horas dispoñibles, que cada curso son máis os casos de responsables que ven reducido o seu horario de dedicación á biblioteca), senón grazas ao esforzo persoal, ao compromiso social e profesional duns docentes e duns claustros que comezaron xa hai tempo a dar síntomas de esgotamento.

Arredor do 24 de outubro, as bibliotecas escolares organizan actividades diversas (lecturas compartidas, recitais, obradoiros, encontros con autores, inauguracións de novos servizos ou mobiliario e recursos novos…), para lembrar a importancia deste recurso cultural e educativo, para motivar o seu uso por parte de todas e todos. Pero estas actividades non son flor dun día porque xa levan semanas ofrecendo a nenas e nenos, a familias, a profesorado, a toda a comunidade educativa, oportunidades diversas de encontro coa palabra, a lectura, a información, a comunicación e as aprendizaxes de todo tipo e condición. Están en marcha xa os clubs de lectura, os laboratorios de radio, os encontros con autoras e autores, os obradoiros de creación máis diversos… Están en marcha as bibliotecas escolares e hoxe, Día das bibliotecas, están de festa. E fan ben!

Share

Deixa unha resposta