De bibliotecas escolares, lectura e revolucións.

Fonte nun muro de Óbidos, Vila Literaria de Portugal

Corría o ano 2017 cando fun convidada, por segunda vez, a participar no Folio Educación, dentro da programación do Festival Internacional Literario de Óbidos (Portugal), en representación do programa de Bibliotecas Escolares de Galicia, da consellería de Educación. Nesta ocasión a miña intervención estaba incluída na tertulia denominada “Ler rola, na mesa da escola“, xunto con outras profesionais ben recoñecidas no ámbito educativo e cultural portugués: Ana Moreira e Eugénia Tavares, da Direção da Escola da Ponte, Vila das Aves; Lurdes Caria, PB do AE Francisco de Arruda, Lisboa; Andreia Brites, Mediadora, Lisboa, e coa moderación de Joana Macedo, da Laredo Associação Cultural, de Porto.

O Festival Internacional de Literatura de Óbidos vai adicado cada ano a un eixo temático que nutre e atravesa toda a actividade que se desenvolve nesta pequena cidade próxima a Lisboa durante dúas semanas do mes de outubro. No ano 2017 este eixo eran as REVOLUÇÕES, REVOLTAS E REBELDIAS.

Descubro agora que existe un vídeo daquela intervención, grazas a á canle de YouTube do profesor Jorge Borges (@jorgefborges), unha das persoas más implicadas na mellora e difusión das bibliotecas escolares e a lectura no país veciño.

https://youtu.be/NNGIbfDCxOk?si=jO5iawvpMAB2yEnk

Cando me propuxeran integrar a miña intervención na temática xeral do Folio 2017 asusteime un pouco, coñecedora da distancia conceptual e histórica que respecto ás revolucións existe entre Portugal e o noso país, pero ao poñerme a preparala foi xurdindo con toda claridade a pequena revolución que vive cada centro educativo cando a súa biblioteca escolar, impulsada por profesorado que fía todo ás necesidades do alumnado, comeza a derribar barreiras e soñar presentes e futuros máis libres e xustos (inclusivos), máis creativos e posibilitadores de verdadeiras aprendizaxes.

Share

Deixa unha resposta