
En 2006 comezaran a distribuírse aos centros educativos os materiais da primeira campaña de fomento da lectura vinculada ao programa de Bibliotecas Escolares de Galicia, baixo o título “Hora de ler”, que pretendía poñer nas mans do profesorado materiais atractivos e ben deseñados para o seu labor de promover a lectura e habituar ao alumnado a incorporar os libros no seu día a día. Durante todo o 2005, paralelamente ao desenvolvemento das primeiras convocatorias do Plan de mellora de bibliotecas escolares, formouse un grupo de profesionais do ensino con ampla experiencia no fomento da lectura nos centros, o colectivo “A catrotintas” (Mayte Leis, Juana Vázquez, Magdalena de Rojas, xunto coa, daquela, responsable única da Asesoría de bibliotecas escolares, Cristina Novoa, coordinadora do grupo, e que se completou co ilustrador Óscar Villán, responsable de toda a imaxe da campaña). Este colectivo foi o responsable do deseño de todo o material para alumnado e profesorado das distintas etapas e niveis que finalmente comezaría a chegar aos centros no 2006. Posteriormente Hora de ler acubillaría diferentes iniciativas da consellería de Educación para o fomento da lectura nos centros, como os clubs de lectura e outras posteriores, e tamén sería o termo escollido polos centros para denominar ao tempo dedicado á lectura en horario lectivo.
Cando se conmemoraban as dúas décadas deste programa, desde a Asesoría de bibliotecas escolares, da consellería de Educación, pedíronme un artigo sobre o percorrido de Hora de ler, como tempo de lectura en horario lectivo, que foi publicado na revisa EDUGA. O que se conta nese artigo pode lerse como antecedente das novas iniciativas que desde o departamento de Educación se están a por en marcha para avanzar neste ámbito, nuns momentos complexos (por non dicir confusos), no ámbito da educación, da comunicación e, tamén, do fenómeno da lectura, que ten mudado moito nestes últimos anos coa incorporación masiva dos medios electrónicos, entre outros aspectos, e a urxencia por dotar ao alumnado de recursos suficientes para enfrontar o complexo mundo da información.
Falar dun tempo para a lectura dentro das aulas pode resultar complexo, inda que o bo facer do profesorado nestas décadas conseguira que fose unha actividade potente con gran capacidade transformadora, sempre vinculada á vitalidade da biblioteca escolar.
A rixidez das estruturas nas que se encaixa o horario lectivo tanto no relativo ao deseño coma de rexistro automatizado supón unha eiva para a concreción de propostas innovadoras, incluídas, por outra parte, nos currículos escolares. A Hora de Ler resístese a ser unha materia máis, que non o é, mais precisa dunha existencia específica no imaxinario pedagóxico do centro, de xeito que o profesorado das materias ás que se superpón non sinta que se lle «rouba» tempo. E, por outra parte, incorporar a Hora de Ler no horario dunha materia non lingüística non debería sentirse como unha aldraxe, senón como unha oportunidade para mellorar a comprensión lectora do alumnado con textos específicos. Traballar en promoción da lectura e formación lectora non casa ben cos comportamentos estancos nin coas estreiteces mentais que ás veces agroman no mundo educativo, e que poden botar a perder os logros dunha proposta pedagóxica tan enriquecedora.
En calquera caso, Hora de ler, con este ou outros nomes, é unha realidade nos centros galegos, camiña ao paso da rapazada sempre que se libera de marcos estreitos e o profesorado pode investigar e construír hábitats xenerosos e informados que permiten á lectura respirar e vivir.
Pódese ler o artigo completo nesta ligazón á revista EDUGA: Saber ler é unha cuestión (de) práctica: Hora de ler.

