Sobre min

DSCN1375

Son incontables as fotos que me teñen feito coa cámara pendurada do pescozo e se poño aquí esta imaxe é porque me vexo nela moi representada, si. Lémbrome desde pequena cunha cámara na man e, sempre tamén, coa palabra como compañía: a palabra falada (as longas conversas cos amigos) e a palabra escrita: os libros. E porque unha das cousas das que máis gosto é das pintadas nos muros, coma este, dun barrio de Milán.

O motivo que me levou a abrir este blogue foi o de recoller un bo feixe de artigos que tiña ciscados en distintas publicacións, a modo de carta de presentación, e para obrigarme a escribir de cando en vez o que penso sobre algunhas cuestións que teñen que ver con aquelo ao que máis tempo lle teño dedicado na miña vida profesional: a lectura e as bibliotecas escolares. Agardo que me sirva tamén para poder expresarme libremente sobre estes temas, e sobre calquera cousa que se me ocorra ou me apeteza dar a coñecer.

Son mestra. Tiven o privilexio de toparme, rematando os estudos de Maxisterio (Diplomatura en Profesorado de E.X.B, reza o título aquel),  co Grupo Freinet de Ferrol, ao facer a segunda semana de prácticas nun colexio no que traballaba Antón Cortizas, un dos seus integrantes. A partir de aí incorporeime a este grupo de renovación pedagóxica e aprendín unha forma de traballar que agardo  non abandonar nunca. Freinet ou Paulo Freire, son, entre outras, as miñas referencias. Traballei en distintos centros de educación infantil e primaria de diversos puntos de Galicia, pero en 1988 aterricei no CEIP de Palmeira, en Ribeira (a Coruña) e coincidín cun grupo de excelentes profesionais cos que tiven o privilexio de poñer en pé unha das realidades pedagóxicas máis interesantes dos anos 90 deste país: O colexio de Palmeira, que foi e aínda é referente en moitos ámbitos (Medio Ambiente, incorporación das TIC, Normalización Lingüística, organización escolar…  e a propia Biblioteca Escolar, unha das pioneiras). Fun profesora e responsable da biblioteca, pero tamén xefa de estudos e directora deste centro e nel, especialmente, aprendín  o valor do traballo en equipo. Cando comezaba a encamiñarse cara a unha comunidade de aprendizaxe, iniciábase tamén a fase de declive (algunhas persoas clave xa marcharan e os tempos educativos estaban cambiando a comezos do novo século), e con moitas dúbidas polo que deixaba atrás, aproveitei a oportunidade de traballar polas bibliotecas escolares de Galicia, incorporándome á consellería .

Desde Setembro de 2003 traballei na Asesoría de bibliotecas escolares, da Consellería de Educación (agora Cultura, Educación e Universidade), da Xunta de Galicia, até a miña xubilación o 31 de decembro de 2020.

Nestes anos, ademais, participei en varias experiencias de elaboración de materiais didácticos que me serviron para ampliar a miña formación e para traballar con excelentes profesionais e grandes amigos:

  • A serie Labia de libros de galego para o ensino primario, da Editorial Xerais (con Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo e Xosé Lastra)
  • A unidade didáctica sobre a peza “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, para o Centro Dramático Galego.
  • Os materiais para a campaña Hora de Ler, da Consellería de Educación (coordinando o colectivo Acatrotintas, con Mayte Leis, Magdalena de Rojas e Óscar Villán).

E traballar no ámbito das bibliotecas deume a oportunidade, tamén, de participar en proxectos colectivos, ao amparo de institucións como o Ministerio de Educación (Marco de referencia para as bibliotecas escolares, 2011) ou o Ministerio de Cultura (Consejo de Cooperación Bibliotecaria). Neste último ámbito, participei, entre outros, no Grupo estratéxico para el estudio de prospectiva sobre la biblioteca en el nuevo entorno informacional y social, que publicou o documento Prospectiva Bibliotecas 2020, en 2013. Posteriormente, participei tamén no Grupo de Traballo ALFIN, para a elaboración do traballo titulado Incorporación de las competencias ALFIN/AMI en el sistema educativo: referencias, contexto y propuestas, publicado en 2016.

Desde inicios de 2021 vivo outra fase da miña vida, aínda ligada (con outros ritmos e ningunha urxencia), ao compromiso coa educación, a lectura e as bibliotecas escolares. Participo en actividades formativas cando me reclaman, atendo ás amizades que fixen neste ámbito e comparto con elas algún congreso ou xornada dentro e fóra de Galicia. Continúo coa cámara na man por puro divertimento; leo todo o que podo e escribo ás veces; cociño, pinto e pasmo segundo lle cadre; disfruto do tempo cos meus… e paseo á miña cadela, sempre que me é posible, á beira do mar. 

Algunhas publicacións:

 

Share

Deixa unha resposta